Menú

Nace METAPOSTA, a túa caixa forte electrónica, a túa caixa do correo na rede

18 de febreiro, 2011

O conselleiro de Industria, Innovación, Comercio e Turismo, Bernabé Unda, e a conselleira de Xustiza e Administración Pública, Idoia Mendia, acompañados polo viceconselleiro de Innovación e Tecnoloxía e presidente de METAPOSTA, Juan Goicolea, presentaron o mércores METAPOSTA, o servizo de caixa forte electrónica e caixa do correo na rede, que forma parte das iniciativas estratéxicas do goberno vasco para impulsar a sociedade da información.

O acto, que se desenvolveu na sala de exposicións do Parque Tecnolóxico de Álava, en Miñano, contou coa asistencia de notables representantes das empresas que colaboran con METAPOSTA coma emisores: Amvisa, Banco Guipuzcoano, Bankoa Crédit Agricole, Bilbao Bizkaia Kutxa, Caja Laboral Euskadiko Kutxa, Caja Vital Kutxa, Consorcio de Aguas Bilbao Bizkaia, Eroski, Euskaltel, Gaia, Iberdrola, Ipar Kutxa, Kutxa, KZgunea, Naturgas Energía, Osakidetza, Seguros Lagun Aro e Servicios de Txingudi.

METAPOSTA nace como o substituto do arquivador doméstico, como solución á desorde de facturas, documentos e papeis característica en moitos fogares vascos, segundo un estudo antropolóxico que desenvolveu METAPOSTA, que revela os modos como a cidadanía vasca organiza a xestión doméstica. Trátase dunha proposta que xurdiu dentro do Plan Euskadi Sociedad de la Información 2010, que puxo en marcha o goberno vasco en 2008, e que impulsa a actual Consellaría de Industria, Innovación, Comercio e Turismo, que dirixe Bernabé Unda.

Notablemente influenciado polo sistema danés e-Boks (www.e-boks.dk), METAPOSTA persegue desenvolver unha «caixa forte electrónica postal en Internet» en que se almacenen documentos de interese persoal, documentos aos que cidadáns e empresas outorgan un alto valor.

Ademais, METAPOSTA asume en principio no mundo electrónico o mesmo papel que unha caixa de correo tradicional. Os documentos que a cidadanía recibirá mediante este novo sistema son unha gran cantidade daqueles que se reciben nunha caixa do correo física: facturas, extractos bancarios, xustificantes, pólizas, contratos, citacións, notificacións, nóminas... A data de hoxe, 18 entidades adheriron ao sistema METAPOSTA. O goberno vasco estima que máis de 300 institucións, entidades e organismos son susceptibles de utilizar os servizos de METAPOSTA.

Contacta connosco

Atendémoste de luns a venres de 9 a 19 horas a través de calquera das seguintes canles:

Síguenos en: